• Elemento de lista

Fran da Lobeira na entrega do XI Premio Especial José Sellier para o Chanfaina Lab

A Academia Galega do Audiovisual entregoulle o Premio Especial José Sellier ao Chanfaina Lab, nun acto celebrado no Teatro Colón da Coruña. O alcalde de San Sadurniño, Secundino García e a antiga concelleira de cultura Sabela Iñiguez, foron as persoas encargadas de recoller o trofeo que acredita ao encontro audiovisual como iniciativa recoñecida nesta undécima edición das mans de Alfredo e Marta Sellier, descendentes do cineasta que lle dá nome ao premio. Ana Míguez, en representación da xunta directiva da Academia, quixo lembrar no seu discurso ás persoas que fan posibles as iniciativas galardoadas co premio Sellier “desde a paixón, o compromiso, o entusiasmo, a militancia e, sobre todo, o traballo, enriquecen un sector do que nos sentimos tan orgullosas.”

Tal e como destaca a Academia na nota de prensa remitida aos medios, o concello e o Chanfaina Lab son “punto de encontro das creadoras e creadores audiovisuais convidados en cada edición a gravar unha curtametraxe que debe desenvolverse en San Sadurniño. No mes de febreiro os filmes son proxectados nun acto público coa asistencia dos autores e a veciñanza do concello”.

Despois da entrega do galardón tivo lugar unha proxección de curtametraxes realizadas ao abeiro do Chanfaina Lab por creadoras e creadores de San Sadurniño entre as que se atopaba a peza Trae! do noso Fran da Lobeira, que ademáis, na pasada edición do certame de curtametraxes, foi o Community Manager, responsable dun crecemento do 100 % das cifras das diferentes redes sociais nas que o Chanfaina Lab tiña presenza.

Fran da Lobeira, ao rematar a súa intervención para presentar a súa peza «TRAE!» na que a súa cadela Lina é a protagonista, sacou un selfie co público que se atopaba no Teatro Colón da Coruña, e mesmo sacou unha foto ben xeitosa co trofeo do Premio Sellier, deseñado polo artesán coruñés Teodoro Castro, que reproduce a cámara Lumiere coa que José Sellier gravou as súas películas na cidade da Coruña.

Artigo completo na web do Concello de San Sadurniño.